GRES, 30/10/2016

O mestre e escritor David Daniel Vázquez Álvarez resultou gañador da 1ª edición do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta para nenos ou adolescentes. O xurado formado por por Luís Reimóndez (presidente), Juan Andrés Fernández Castro, Rosalía Morlán, Armando Requeixo e Fernando Redondo Neira (secretario) decidiu unanimemente outorgar o galardón á obra titulada “Diario de Brian o chinés”, na que valorou “a capacidade para transmitir un m undo de emocións gurgullante, protagonizado por adolescentes que deben enfrontarse a situacións problemáticas que cambiaron o rumbo dos seus días. A habelencia na arquitectura do relato, así como a calidade dos diálogos e a coidada caracterización dos personaxes fan deste texto unha historia apaixonante, que atrapa dende a primeira páxina”.

A entrega do premio terá lugar en Gres o vindeiro xoves día 3 de novembro ás 16,30 horas coincidindo coa data de nacemento do inesquecible escritor que da nome ao premio. Intervirán no acto ademais do autor premiado o Secretario Xeral de Política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, o presidente da Fundación XNV, Luís Reimóndez e os padroeiros da mesma Juan Andrés Fernández e Fernando Redondo Neira. Ó final do acto haberá unha actuación musical do cuarteto “Os encantiños do Ulla”. A obra gañadora será publicada por Edicións Embora. Parabéns David. Están todos convidados.

VER AS BASES