FALLO PREMIO ESTORNELA DE TEATRO  

No serán do martes 4 de decembro reuniuse en Gres -Vila de Cruces- o xurado do Premio Estornela de Teatro para nenos, para proceder ao fallo da VII edición 2012. Despois de analizar os 15 traballos presentados a concurso, os membros do xurado formado por Xosé Neira Vilas (presidente), Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez (secretario), decidiron por unanimidade outorgar o premio á obra titulada “Arlequino Viceversa” que, unha vez aberta a correspondente plica, resultou ser da autoría de Diana Varela Puñal. A gañadora é unha escritora nada en Corme (Ponteceso) e afincada na Coruña onde exerce como avogada tendo, a pesares da súa xuventude, unha importante obra escrita así como diferentes premios.

O xurado apreciou na obra premiada o ben logrado movemento escénico, a amenidade da trama, o léxico rico e asequible, a alusión á cultura popular (entroido, filloas, etc), a cordial relación interxeracional e a transmisión de valores humanos integrada no seo da familia, así como a relación cordial entre nenos e nenas.

Dada a calidade das obras presentadas, o xurado considerou oportuno conceder mencións de honra ás obras “A fraga das árbores das palabras”, de Carlos Labraña e “O corazón do bosque”, de Lino Braxe.

A entrega dos premios terá lugar na Fundación Xosé Neira Vilas o próximo domingo 16 de decembro ás 17 horas, nun acto no que participará o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero e o propio escritor Xosé Neira Vilas. Haberá unha representación escénica a cargo do coñecido actor vigués Cándido Pazó.

 

Gres, Vila de Cruces, 5-12-12 FUNDACIÓN XOSÉ NEIRA VILAS

--------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Fundación Xosé Neira Vilas  presentou  a VII edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2012.- O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación da VII edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos , convocada pola Fundación Xosé Neira Vilas . Trátase dunha iniciativa de carácter bianual que pretende estimular a creación teatral dirixida a nenos e nenas. O premio está dotado con seiscentos euros e inclúe a publicaciòn do texto por Edicións Embora.  Os orixinais poderán enviarse ata o vindeiro 30 de outubro á sede da Fundación Xosé Neira Vilas (36587 Gres-Vila de Cruces-Pontevedra).

Os textos han ser inéditos en lingua galega, eplicaron no acto de presentación Luis Reimóndez , vicepresidente da Fundación, e Juan Andrés Fernández Castro e Rosalía Morlán , vogais.

Ata o momento o premio Estornela recaeu en Manuel Lourenzo (2000), Heidi Kunh-Bode (2002), Xosé Agrelo, Ana María Galego e Fran Peleteiro (2004), Antonio Cordero (2006), Bernardino Graña (2008) e Carlos Labraña (2010).

O premio, que leva o nome dun dos máis populares xogos infantís de antano, a estornela, é o froito do amor á infancia e á xuventude que dende sempre profesaron os seus creadores, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, que dedicaron ao público infantil algunhas das páxinas máis inspiradas da literatura galega: “Contos do compay grilo” e “Cantarolas”, de Anisia, e “Espantallo amigo”, “O cabaliño de buxo” ou “A marela tarabela”, de Neira Vilas.

--------------------------------------------------------------------------------------------------------

FUNDACIÓN XOSÉ NEIRA VILAS

PRESENTACIÓN AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

PREMIO ESTORNELA DE TEATRO PARA NENOS/AS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

LUNS, 30 DE XULLO DE 2012

A Fundación Xosé Neira Vilas, fiel á súa cita anual cos premios literarios, convoca o “Premio Estornela de Teatro” para nenos/as, que acada este ano a súa VII edición.
Desde a Fundación, entendemos que é fundamental fomentar a creación dun teatro infantil pensado para ser lido e representado en galego, dirixido á nosa poboación en idade escolar.

Estes certames, únicos en Galicia, pretenden satisfacer a demanda de obras literarias de calidade, escritas en lingua galega, destinadas aos máis novos, que sexan aptas incluso para seren escoitadas, no caso de nenos/as aínda non lectores. É por iso, que o xurado valora moi especialmente a sinxeleza dos textos e a adecuación do léxico e o argumento á mentalidade dos meniños, así como o ritmo e musicalidade que eles tanto aprecian.

O premio bianual de teatro para nenos/as que leva o nome dun dos máis populares xogos infantís de antano, a estornela, é o froito do amor á infancia e á xuventude que dende sempre profesaron os seus creadores, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda que dedicaron ao público infantil algunhas das páxinas máis inspiradas da literatura galega. “Contos do compay grilo” e “Cantarolas” de Anisia; “Espantallo amigo”, “O cabaliño de buxo” ou “A marela tarabela”, de Xosé Neira, son só algúns exemplos.

Desde o ano 2000 véñense convocando alternativamente o “Premio Estornela de Teatro” e o “Premio Arume de Poesía”, ambos escritos para nenos/as. Neste tempo transcorrido desde a primeira edición, lévanse recibido no noso centro cultural de Gres máis de 200 traballos sumando ambas convocatorias, estando as cerimonias de entrega dos premios presididas sempre por importantes responsables da nosa Administración Autonómica.

Destacar por último que a máis da dotación económica, o traballo premiado será publicado por Edicións Embora, o que supón un importante estímulo para os autores e autoras de teatro infantil en lingua galega.

Gres, Vila de Cruces, 30 de xullo de 2012

Prazo de presentación de orixinais: 30 de outubro de 2012.

Máis información: 986 58 90 26

Publicación das bases: www.fundacionxoseneiravilas.com

VER BASES