A Fundación Xosé Neira Vilas, supón todo un logro nunha iniciativa no medio rural de Galicia e que está servindo de modelo para extrapolar a outros lugares. Situada nun lugar no que a maior parte da poboación se atopa fóra dos grandes núcleos de poboación e precisa unha atención nos aspectos asociativos, lúdicos e culturais, igual que os que se poden ter nas cidades.

Neste sentido é clave comprender a figura dun escritor tan senlleiro como Neira Vilas, que decidiu retornar á terra, para facer un labor cos nenos/as dos lugares de onde el naceu, para abrir unha biblioteca e organizar actos, arroupado pola axuda dunha Fundación na que se insiren entre outros a inestimable colaboración da súa dona Anisia Miranda, os compoñentes do Padroado e unha bibliotecaria que cumpre cos labores técnicos de atención das instalacións.

A partires de aquí, da apertura da biblioteca na “Casa do Romano”, o seu funcionamento diario fai que sexa frecuentada por moitos nenos diariamente, cun pequeno museo etnográfico, xornadas de animación á lectura, charlas e conferencias que crean un ambiente cultural na zona e dinamizan en sobremaneira un lugar rico en tradicións e riquezas.

Recentemente, levouse a cabo a instalación de equipos informáticos, que están a dar acceso libre e gratuíto a unha ampla zona, na que ata hai pouco era imposible pola instalación telefónica sen fío.

Nos pasados anos, foi notable o éxito alcanzado pola convocatoria do Premio de Teatro Infantil en Galego “Estornela” dotado cun 1º premio de 1.500 €, ao que concorreron bienalmente máis de medio cento de autores que cultivan en toda Galicia este xénero tan pouco frecuente.

A partires desta iniciativa, non só se obtivo unha gran repercusión nos medios de comunicación para o noso teatro, co outorgamento e entrega dos premios, presidida responsables da Administración Autonómica, senón que como obxectivo definitivo, conseguiuse a publicación en Edicións do Castro de obras que están xa ao dispor de lectores e actores para representar por todos os colexios e asociacións da xeografía galega.

Por outra banda, neste ano 2008 a Fundación convocou o V Premio “Estornela” de Teatro Escrito para nenos/as . Pensamos que é de suma importancia o fomentar a faceta de creación dun teatro infantil, para ser lido e representado en galego dentro da nosa poboación en idade escolar, para así complementar e reforzar os contidos escolares, mediante unha iniciativa civil canalizada polos especialistas que a Fundación pon ao seu dispor, sempre todo coordinado e revisado por escritores da experiencia de Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas. A obra é premiada con 1.500 € e a publicación que levará a cabo Edicións do Castro .

En realidade, supón un logro magnífico, que un centro cultural destas características funcione a moita distancia dos habituais núcleos xeradores e aglutinadores de cultura no noso tempo, como son os núcleos urbanos. Dende esta perspectiva, a Fundación, coa súa actividade, fomenta o aprecio ao propio e colabora a que a aldea teña a relevancia que merece para os seus habitantes, entorno circundante e forasteiros que sempre son ben acollidos.

Esta experiencia, parécenos que ha resultar edificante para todas e todos aqueles que día a día chegan a visitarnos á Casa do Romano, provindo de calquera punto da xeografía mundial, sempre co denominador común do interese pola cultura galega.

Así, esta Fundación é todo un referente tamén para a Galicia emigrante, que obtivo tantas veces o indicativo necesario e auténtico da terra, nos libros e escritos de Neira Vilas. A traxectoria literaria, así como a temática abordada nos seus escritos, creou todo un estilo propio, e o seguimento por parte de miles de galegos/as que están ou estiveron na diáspora, especialmente en Cuba e Arxentina, ademais dos que residen nos lugares máis insospeitados do mundo enteiro.

 

FALLO DO PREMIO ESTORNELA DE TEATRO 2008

No día 1 de decembro de 2008, reuniuse na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, o xurado designado para o fallo do V Premio Estornela de Teatro para nenos/as.

O Xurado, composto por D. Xosé Neira Vilas, D. Valentín García Gómez, D. Xoán Andrés Fernández Castro e D. Luis Reimóndez Fernández, acordou por unanimidade conceder o premio á obra presentada baixo o título “Larpancia saborosa do lobo e a raposa” que unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Bernardino Graña Villar, autor de recoñecido prestixio no ámbito das lebras galegas.

O xurado quixo destacar que se trata dunha “farsa de monifates nun lance”, é unha fábula versificada para ser representada con monifates, marinetas ou actores. Exemplifica de xeito humorístico o mundo dos contrastes, o do reino animal fronte ao dos humanos, a inxenuidade fronte á ambición e a codica. Todo elo nun marco natural e campestre, que se ve ensalzado no verso, na busca dun ambiente bucólico, no que a lingua xoga un papel moi importante á hora de facer próximo o texto e mesmo recrear expresións e léxico propios do galego máis patrimonial, posto ao alcance de todos os nenos e nenas.

ENTREGA DO PREMIO

O premio, entregarase o domingo 14 de Decembro ás 17.00 h. nun acto público na Sede da Fundación Xosé Neira Vilas. Para amenizar a xornada, o Grupo Seisdedos de Laín, que é unha compañía de teatro e títeres, representará a obra "O galo Quirico e os seus amigos" obra do premiado e mencionado Bernardino Graña Villar. Estarán a cargo dos títeres Anxo Banic e co acordeón Carlos Quintá.

Ao igual que o ano pasado, a entrega do premio será emitida en directo a través da web da Fundación.

PULSE AQUÍ PARA DESFRUTAR DA RETRANSMISIÓN