O nome de Gres xa se mencionaba en 1116. Corresponde ó apelido dunha familia de sona que tiña propiedades na comarca. O nome da parroquia (Grez nun documento de 1116) serviu de apelido a unha poderosa familia baixomedieval, os Sánchez de Gres, que dalgún xeito foron precursores da influínte fidalguía local de tempos máis cercanos. No XVII soan os López de Neyra, como encargados de Cira e señores da casa e torre de Gres, que na seguinte centuria serían titulares do pazo de Brandeso (Arzúa), tantas veces citado por Valle Inclán, e que foi berce literario do seu Marqués de Bradomín; e no XVIII, construíron aquí o seu pazo os Herce, incorporándose os seus descendentes á nobreza, e un de eles recibirá o título de marqués de Algara de Gres.

A aguia dos Herce preside o seu casarón de Gres, unha sobria construcción de pranta cadrada. No lado que mira ó Ulla, algunhas prantas exóticas recordan o que parece ter sido no seu día un fermoso xardín, no que agora se mesturan as vides cos frutais. A capela familiar, de frontis neoclásico, ten un titular nada frecuente, San Xosé, ó que outrora celebraban festa os señores da casa, que tamén dispoñían de capela propia na igrexa parroquial.

A croa do Castromouzo é coma unha atalaia do val. Un val amplo, suave, de coidadis labradíos e viñedos, no que asentan a igrexa parroquial (que ten de patrón a Santiago), a capela do Carme, as casonas da Torre e de VIsta de Leis, e o pazo que pertenceu ó marquesado da Algara de gres, da familia Calderón.

Por estas terras de antigos señoríos teñen andado os Churruchaos, os Suárez de deza, os Sánchez de Gres (entre os que houbo comendadores de Ocaña, pertegueiros de Santiago, bispos e adiantados maiores de Galicia). Gres foi unha importante encrucillada. No seu entorno tiñan vida os mosteiros de Camanzo, Piloño, Brandariz, Carboeiro, Ledesma, Ansemil, San Xoán da Cova... E tamén o castelo de Cira, do século XII, onde chegou a estar prisioneiro o arcebispo Xelmírez por orde da raíña Doña Urraca.

Este recanto, agarimado por dous ríos e cinguido por un horizonte de vizosos piñeiros, que fora asento do camiño real de Santiago a Lugo, está ateigado de historia.

No ano 2009 sae unha edición impresa sobre Gres, titulada "Santiago de Gres e arredores", do autor Enrique Neira Pereira.