50 aniversario da editorial Follas Novas

O día 15 de xullo de 1957 –cúmprense hoxe mesmo 50 anos– nacía en Buenos Aires, da man de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, a editorial Follas Novas, unha empresa destinada a difundir o libro galego fundamentalmente na Arxentina e entre a “nación” emigrante de noso.

Teñen Neira Vilas e Anisia Miranda 28 e 24 anos naquela altura, respectivamente, e xa soñan, mozos e lúcidos, con crear unha gran plataforma –organización libreiro-editorial ou feira permanente do libro galego, segundo era recoñecida– para lle dar presenza á produción literaria e intelectual galega nesas terras americanas.

Agora, cando vai aló medio século daquel soño feito realidade, a editora Follas Novas debúxase no tempo como un acto de fondo amor ao país, ao idioma e á xente de noso emigrada, lonxe da Terra, e merecente por iso mesmo –tal é o proxecto de Pepe Neira e Anisia Miranda– da maior das atencións en materia cultural.

 

O propio Neira Vilas lembra como nos comezos, xa fixada a sede editorial na porteña rúa Asunción 3035, o proxecto Follas Novas –a Feira de libros galegos, como a denominaba Ramón Suárez Picallo– chega a contar cun fondo de títulos que proviñan das obras galegas publicadas en Buenos Aires, incluíndo as edicións de autor e os remanentes das primeiras coleccións das editoras Emecé e Nova.

E logo pasarían a formar parte tamén da plataforma libreira, distribuidora e editorial –velaí o círculo completo– as edicións de As Burgas e Lérez, promovidas polos centros ourensán e pontevedrés, así como os libros que, aos poucos, comezaban a chegar de Galicia. Follas Novas constituíase, pois, como unha verdadeira “casa” do libro galego en Buenos Aires, “centro” aberto e neurálxico ofrecido ao público lector. Mais tamén era un proxecto irradiante e en expansión.

Catálogos, información postal de novidades, postos de exhibición e venda nas máis importantes sociedades galegas e a organización dun amplo espectro de actos literarios compuñan o extraordinario universo de Follas Novas, que tamén se espallaba a través das ondas radiofónicas, nomeadamente na Radio Argentina, onde Anisia e Neira, incansábeis xestores culturais, crearon o chamado Mirador bibliográfico galego; todo un paradigma, aínda hoxe, de acertada estratexia informativa e promocional do libro e da lectura.

Mais os libreiros e editores que eran Neira Vilas e Anisia Miranda –eu imaxino aquí o inmenso fervor persoal e a inmensa entrega presentes diante dun proxecto tan fermoso e en certa maneira tan difícil ou utópico– foron máis alá e axiña crearon delegacións ou representacións de Follas Novas nas cidades de Rosario, Santa Fe, Mar del Plata; e aínda en Santiago de Chile, Caracas, Montevideo e Nova York.

Ampliábase o soño, mantíñase a nave ben disposta, e o propio autor de “Memorias dun neno labrego” recoñece que o labor realizado, por riba de todo, ten un sentido “patriótico”, cultural e non só mercantil. Mais Follas Novas representa xa na Arxentina ás editoriais Galaxia e Bibliófilos Gallegos e a esfera de actuación faise máis compacta.

Organízanse numerosas exposicións de libros, tamén en Caracas e en Montevideo, ademais de en Buenos Aires –empre a man amiga de Luís Seoane a colaborar–, e xa no ano 1958 este gran “foro” do libro galego na Arxentina, e en América, por extensión, convértese en editorial. Ese mesmo ano ve a luz un libro de Víctor Luís Molinari titulado Itinerario galego, ao que lle seguirían Esta es Cuba, hermano, de Anisia Miranda; Dende l­onxe e Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas, e o libro de poemas Terra aluciada, de Xosé Conde.

A editora estaba en marcha, foran visitantes dela e deixarán alí o seu alento amigo, entre outras persoas, Ramón Otero Pedrayo, Laxeiro, Nicolás Guillén, Rafael Dieste, Isaac Díaz Pardo, Eduardo Blanco-Amor, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Antón Alonso Ríos e Arturo Cuadrado.

Mais o devalar da vida e os seus accidentes –Neira Vilas utiliza a expresión “problemas técnicos”– non fixeron posíbel a continuidade da empresa. Agora, cando se cumpren 50 anos daquel fermoso proxecto cultural, cae sobre un o pano da nostalxia, tinxido talvez por unha nota de melancolía. Eu vexo a Anisia Miranda e a Pepe Neira ilusionados naquela casa “viva” da rúa Asunción, entregados ao seu traballo –traballo revolucionario, sen dúbida–, cos seus altos e os seus baixos, e xa se enxerga no horizonte interior dos seus ollos a luz futura que os levará a Cuba. No ano 1961 sentiranse amparados polo ceo da Habana. Foran catro anos intensos de traballo entregados ao servizo da cultura galega.

Eu conmóvome no fondo de min mesmo cando leo a dedicatoria, escrita en idioma galego, que lle fai a Follas Novas a gran actriz e muller que foi e é María Casares, visitante un día na “casa do libro” de Pepe e de Anisia: “Pra Follas Novas, cun recordo cheo de agarimo”. E fico coa palabra agarimo a resoar no tempo. Benzóns hoxe, homenaxe permanente, agarimo e recoñecemento a Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, libreiros, distribuidores, editores, escritores, bibliotecarios, bibliófilos, activistas culturais, publicistas... 50 anos de amor ao libro que van de Buenos Aires a Gres (Fundación Neira Vilas), hoxe casa viva tamén do libro e da lectura.

O pasado e o presente trazando un arco permanente de amor á palabra, á cultura e ao oficio de escribir e de vivir.

 

El Correo Gallego - 15/07/2007