PREGUNTAS PARA D. XOSÉ NEIRA VILAS

Realizadas polas alumnas do IES Manuel García Barros MARTA RODRÍGUEZ CASTRO e HELENA VILAR REBOLO, alumnas de 1ºBACHARELATO (16 anos)- Curso académico 2009-10

 

1.- Que feito o motivou para comezar a escribir?

É algo que vén en min dende a infancia, dende os oito ou nove anos. Unha inclinación natural, o asombro de que o que eran palabras podían ser tamén signos. A esto cómpre engadir unha disposición, un afán para fabular, para inventar historias. Na orixe da miña escrita hai moito que provén da narración oral e a poesía, dos vellos romances que me cantaba miña avoa.

2.- Que diferenzas cre Vostede que hai entre a infancia que vostede pasou e a que calquera neno galego poida ter na actualidade?

Gran diferenza. Visten mellor os de agora, teñen mellores escolas, comen mellor, etc. Nós eramos moi vitais, camiñabamos coma se nada dez ou quince quilómetros. Tiñamos xoguetes que faciamos nós mesmos. Cantabamos. Participabamos nas festas do entroido, pero eramos en xeral pobres, coas limitacións que apuntei. Pasabamos frío, camiñabamos sobre a lama, porque non había as estradas que hai hoxe.

3.-Séntese identificado con algunha das súas obras? Cal pode ser a súa favorita?

Identifícome con todas as miñas obras. Hai libros de ficción (novelas, contos) e de investigación e ensaio. Lévome con todas. Poida que teña certa preferencia pola novela Querido Tomás , e polo libro de contos Relatos mariñeiros . Nos outros, gústame Castelao en Cuba .

4.- Cal das súas obras cre Vostede que tivo máis aceptación entre os lectores?

Memorias dun neno labrego , da que se fixeron unhas trinta edicións en galego e foi traducido a moitas linguas.

5.- Moitas das súas obras teñen que ver coa cultura tradicional galega. Que provocou que Vostede se basease nesa temática?

A cultura tradicional é básica. Bebemos nas fontes que nos veñen dadas. Os contos que se contaban a carón do lume nas lareiras nas noites de inverno acenderon a miña imaxinación narradora.

6.- Memorias dun neno labrego acadou un gran éxito. Esperaba este éxito? A que cre que foi debido?

Non. Eu non esperaba nada cando escribín esa primeira obra narrativa. Non podía supoñer que trascendese tanto. Asustaríame. Pero o escritor escribe e de alí en diante a obra non é del, é dos lectores, e eles deciden. Creo que foi debido a que moitos viviron a mesma peripecia ca min, e que conta, pola boca dun neno unha difícil existencia, como era en Galicia hai cincuenta ou sesenta anos. Esa narración é sinxela pero dou fe da súa autenticidade.

7.- En Memorias dun neno labrego Balbino comeza dicindo que é un rapaz da aldea, un ninguén. Cre que este pensamento está presente nos rapaces da aldea actualmente?

Depende da modestia que sintan ou que lles inculcase a familia e os mestres. Uns máis e outros menos (Balbino era pobre e foi humillado ademais) todos somos “ninguéns”, rapaces e adultos. Depende de como nos midamos. Tampouco, salvo casos como o de Balbino, hai que sentirse esmagados, pero debemos ter en conta o que dixo un gran poeta: “Toda a gloria do mundo cabe nun gran de millo”. Hai que desbotar a soberbia, o orgullo, a vaidade.

8.-Na anterior obra fálase da discriminación que se fai cara aos nenos da aldea. Por que cre que se produce esta situación? C re que segue ocorrendo?

De certa maneira, si, pero nótase pouco. Antes si porque tiñamos roupas con remendos, calzabamos zocos e sobre todo falamos a nosa lingua e os señoritos marxinábannos e ata nos desprezaban. Agora dáse moi pouco, ata onde eu sei.

9.- Cre que a súa obra pode perder parte do “sentido” que Vostede lle quixo dar se é traducida a outra lingua que non sexa o galego?

Toda obra literaria, inda que sexa traducida a unha lingua irmá, veciña, sempre perde algo. É inevitable. Hai matices, xiros, expresións que non se poden traducir exactamente.

10.- Para Vostede irse para a Arxentina foi un exilio ou unha emigración?

Foi unha emigración. Exiliados eran os que foron para salvar a vida, porque tiveran actividades políticas diferentes dos novos gobernantes; pero no meu caso hai outro matiz: quería estudar, e aquí non tiña medios nin atopei traballo nas cidades galegas para traballar polo día e estudar pola noite. Eso foi o que fixen na Arxentina. Alí, ademais descubrín Galicia, a miña patria, da que case nada sabía, e convertinme dende entón nun activista da cultura galega de por vida.

11.- Vostede realizou un gran labor a prol da lingua galega durante a súa estadía en América. Sempre se sentiu tan identificado coa nosa lingua ou foi froito da súa estadía no estranxeiro?

Sempre me sentín identificado coa singularidade de Galicia e en primeiro lugar, como signo de identidade, utilicei e defendín a súa lingua. En 43 anos de emigrante, todos os meus libros e artigos escribinos en idioma galego.

12.- Por que cre que durante a súa estadía en América, e a de outros moitos intelectuais galegos, se levou a cabo un labor tan importante para a difusión da nosa lingua?

Dígoo máis arriba: porque a lingua é o signo principal da nosa identidade. “Se inda somos galegos é por obra e gracia do noso idioma”, dixo Castelao. Esto síntese máis no fondo cando estamos fóra.

13.- Vostede estivo na Arxentina e en Cuba. Cal dos dous países o marcou máis?

Arxentina (12 anos) foi a etapa da miña formación. Alí publiquei os meus primeiros traballos, centos de traballos na prensa galega, e os meus dous primeiros libros; adquirín unha cultura xeral e unha cultura galega. En Cuba estiven 31 anos. Anos de madurez, de vivir a experiencia dunha revolución popular, cóbado a cóbado cun pobo entusiasta, xeneroso, solidario. Marcáronme os dous países. Cando un vive noutra terra por anos, xa non é nunca máis dun só país. Eu son algo arxentino, teño moito de cubano e son rotundamente galego, dende sempre.

14.- A pesar de que non chegou a coñecelo, que influencia tivo sobre Vostede Castelao?

Castelao influíu en toda unha xeración, e segue influíndo. Polo seu exemplo, a súa galeguidade, a súa conduta cidadá, e polas leccións que nos deixou sobre todo a través do libro Sempre en Galiza , que todos debemos ler.

15.- Como ve Vostede o futuro da lingua galega no ensino?

Todo está neste momento moi encerellado. Non depende só das institucións; depende de nós. Se a falamos acabará impoñéndose no ensino. E en canto ós nenos e nenas pequenos depende en boa medida dos pais, pois moitos, non sei por que vello e ridículo complexo de inferioridade, fálanlles castelán ós cativos. O castelán é unha lingua irmá da nosa, e debemos sabela, naturalmente, pero a deste país é o galego. É un luxo que un país de 30.000 quilómetros cadrados e menos de tres millóns de habitantes fale unha lingua de seu. No ensino debe prevalecer o galego.

16.- De todos os premios e recoñecementos que recibiu, cal foi para Vostede o máis representativo?

Todos son estimulantes e axúdanme para seguir traballando, escribindo, pero a min eso non me marea. Non sabería diferenciar. Todos teñen un gran valor polo xesto de que mos concederan. E eu agradézoo.

17.- Que é máis satisfactorio para Vostede, que o f eliciten pola rúa ou recibir un premio?

Son dous valores distintos, pero o trato humano, de que me saúden pola rúa, ou nun colexio, ou nun acto cultural, é moi reconfortante. Son dúas cousas distintas pero compleméntanse.

18.- Cal é o público para o que máis lle gusta escribir?

O público en xeral, pero encántame escribir para nenos e nenas, e para eles dei a coñecer varios libros.

19.- Cal foi o sentimento que o invadiu no momento que tivo nas súas mans o seu primeiro libro?

Sentín emoción. Algo así como a de ter o primeiro fillo.

20.- Sabería sobrevivir sen un lapis e un papel nas mans?

Custaríame afacerme, pero na derradeira a todo nos afacemos.

21.- Que o empurrou a crear a súa Fundación?

Doei a miña casa natal. Pedín que se restaurase e se puxese nela unha biblioteca pública. O da Fundación non foi idea miña senón das institucións, pois cando eu non estea esto pode seguir porque hai un Patronato que se ocupa de que continúe.

22.- E finalmente, sabemos que Vostede tivo un contacto epistolar co gran escritor e galeguista estradense que lle dá o nome ao noso instituto, D. Manuel García Barros. Como foi a súa relación?

Escribinme co amigo Ken Keirades dende Buenos Aires e dende A Habana. Era un galego de lei, un loitador galeguista, un gran narrador, sobre todo nesa novela que se chama Aventuras de Alberte Quiñoi , modelo de narración popular polo seu contido antropolóxico, de tradicións e costumes que xa non existen. Mandoume narracións orixinais manuscritas e contábame da súa vida alá en Pousada (Callobre).

 

PREGUNTAS BREVES:

a.- Cal é a súa obra literaria favorita? E o autor?

Moitas. Non podo mencionar só unha.

b.- Cal é a súa película favorita?

Tamén moitas. Recordo entre as máis vellas Casablanca e Lo que el viento se llevó . Mais, acá pecaría de excluínte se mencionase algunha. Direi só unha Adiviña quen vén esta noite.

c.- Podería dicirnos algunha obra teatral que o impresionase?

Si, por exemplo Mortos sen sepultura de Sartre, entre outras.

d.- Que prefire, ler ou escribir?

Ambas cousas compleméntanse. Un escritor debe ler moito (e ler ben).

 

O voso amigo

Xosé Neira Vilas.